A oposición tumba a proposta de Rianxo en Común para o réxime de dedicacións ós membros do goberno

RIANXO> A oposición tumba a proposta de Rianxo en Común para o réxime de dedicacións ós membros do equipo de goberno. Tanto PP como BNG e Partido Socialista votaron en contra, aínda que os argumentos expostos para defender o seu voto foron ben diferentes.

Levaba Rianxo en Común ó pleno de onte á noite a súa proposta de asignación de dedicacións para os membros do equipo de goberno que mantén en solitario con tan só cinco edís dunha corporación de dezasete. Pretendía establecer unha dedicación exclusiva de 45 mil euros brutos para o alcalde, e tres dedicacións parciais por importe duns 17 mil cada unha para outros tres edís.

Segundo defendeu o propio rexedor na sesión a proposta suporía un aforro anual duns 27 mil euros con respecto ó mandato anterior, ademais de ser para eles máis eficiente a nivel organizativo. Pero os argumentos non convenceron ós grupos da oposición que decidiron votar en contra, aínda que con argumentos diferentes.

PP e PSOE non se mostraron en contra das asignacións, pero si da redución das horas que o actual equipo de goberno lle dedicará ó Concello. Os socialistas mesmo chegaron a propoñer outra dedicación exclusiva para o tenente de alcalde dada a carga de traballo existente no consistorio. O BNG pola súa banda argumentou o seu voto en contra na suba experimentada nas dedicacións parciais, ó entendela desproporcionada, xa que poden ser compatibles con outra actividade profesional.

A oposición tamén lle recriminou o equipo de goberno a súa falta de diálogo e que non levara un acordo pechado co resto de formacións a sabendas que gobernan en clara minoría. Pola súa banda, o executivo insistiu en que a súa idea é seguir traballando, aínda que sen soldo, á espera de que o resto de grupos reconsidere a súa postura.

Na sesión si se aprobaron as asignacións ós concelleiros por asistencias a plenos, xuntas e comisións, así como a peridodicidade das sesión plenarias, que volverá a ser de xeito mensual.