Augamar promove o voluntariado ambiental no medio mariño

    augamar_100_200606.jpgRIBEIRA > Representantes da Xunta de Galicia asistiron en Ribeira á clausura do curso de voluntariado ambiental Augamar no que participaron mozos de toda Galicia. O obxectivo deste programa era dar a coñecer as embarcacións tradicionais afondando así mesmo nas actividades extractivas do mar e na complexidade do ecosistema acuático.

    A Consellería de Vicepresidencia e Benestar Social reiterou o seu compromiso coa formación da mocidade a través dun programa de educación e promoción do voluntariado ambiental sobre o litoral e o medio mariño. Baixo o título ‘Augamar’, nenos e mozos de toda a comunidade participaron nas actividades englobadas dentro da iniciativa que ían dende o recoñecemento das especies mariñas ata pasar unha fin de semana a bordo dunha embarcación tradicional.augamar_200_200606.jpg

    A esta experiencia quixeron achegarse tamén o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, e a a secretaria xeral de Benestar, María Jesús Lago, que pasaron unhas horas embarcados xunto cos participantes. Ámbolos dous representantes autonómicos insistiron na necesidade de promove-lo estudo e coñecemento do mar tanto a nivel ecolóxico como recurso turístico e un dos principais medios de vida.

    A valoración dos participantes nesta iniciativa, pola que pasaron centos de mozos, foi altamente positiva polo que a Consellería de Benestar Social ten prevista a posta en marcha de programas similares.

    O mar, en tódalas súas vertentes, e o voluntariado, dende a asistencia social ó labor ambiental, seguirán a centrar os contidos destes programas que teñen como obxectivo promover a participación da xuventude na sociedade.

    Redacción Barbanza