BOIRO> O concello de Boiro convocou un pleno extraordinario para este venres. O obxectivo é poder sacar adiante dúas propostas rexeitadas na última sesión ordinaria. Trátase da ampliación das salas de fitness da Cachada, con cargo ó POS, e un crédito extraordinario para actividades culturais e educativas.
Na sesión extraordinaria convocada para mañá, o equipo de goberno tentará sacar adiante dúas propostas que non contaron co respaldo maioritario da corporación cando se someteron a votación o pasado pleno.
A primeira refírese á ampliación das salas de fitness no complexo deportivo da Cachada que foi rexeitada por PP e BNG por non considerala adecuada para incluír no POS da Deputación da Coruña. O executivo tamén volverá levar a pleno a aprobación dun crédito extraordinario de medio millón de euros para sufragar proxectos culturais e educativos que van dende a colaboración coas comisións de festas, actos no pazo de Goiáns ou actividades propostas Consello Escolar Municipal.