En Marea esixe a paralización inmediata da tala de árbores no río Breiro

    BOIRO> A actuación está incluída nas obras de saneamento que está a levar a cabo Augas de Galicia. Atendendo a unha queixa formulada polos propios veciños da zona e da que tiveron coñecemento tamén a través do grupo municipal de Boiro Novo, En Marea reclámalle a Augas de Galicia a paralización inmediata da tala indiscriminada de árbores de ribeira que se está a realizar na contorna do río Breiro con motivo das obras de mellora no colector do río. Para a fomación nacionalista trátase dun grave atentado medioambiental que está a ser realizada co visto e prace do Concello e da propia Xunta de Galicia. Para Antón Sánchez este tipo de accións requiren dun estudo previo das árbores, priorizando o interese medioambiental. Dende En Marea consideran que estas talas agresivas e indiscriminadas poderían entrar en conflito coa lei de conservación e regulación de ribeiras, polo que insta á Xunta a proceder con criterio técnico e cunha planificación que teñan en conta a erosión que estas cortas poden causar nos leitos dos ríos.