O Porto inviste 80.000 euros en medios contra a contaminación

    gago100_131108.jpgVILAGARCÍA > A Autoridade Portuaria informou que en dous meses contará con material para protexer as súas dársenas da contaminación mariña.

    A Autoridade Portuaria de Vilagarcía investiu 80.000 euros na adquisición de medios de prevención e loita contra a contaminación mariña. O porto afirma que os equipos estarán dispoñibles nun prazo máximo de dous meses.

    Entre o material adquirido figuran 500 metros de barreiras de contención inchables, que permitirá, con pouco persoal, un rápido despregue para conter un posible vertido. Isto compleméntase con equipos de fondeo e remolque, para dotar de maior polivalencia ás barreiras en augas expostas e en alta mar. Tamén se incorpora un sistema para a recollida selectiva de vertidos.

    Di o porto que este material é suficiente para pechar as súas dársenas tanto desde o peirao de Ferrazo ata o Comercial, como desde Ferrazo ata O Ramal. Ademais poderase cercar un buque accidentado que se atope en alta mar, navegando ou fondeado.

    Na sesión desta mañá aprobouse un protocolo de intencións para a reserva de espazo no parque empresarial de Tremoedo. Tamén se adxudicaron as obras de construción do novo Posto de Inspección Fronteiriza, por 1,9 millóns de euros, e do Centro de Control do Peirao Comercial, por 412.000 euros.

    Polo que respecta ós tráficos, en setembro movéronse 15.000 toneladas máis de mercadoría que no mesmo período do ano pasado.

    Redacción Salnés