A Xunta non modificará as zonas de protección no litoral pobrés

    POBRA > O concello da Pobra do Caramiñal deberá introducir no Plan Xeral de Ordenación Municipal as restriccións impostas por Urbanismo para a zona costeira do municipio se quere que o novo planeamento reciba o visto bo da Xunta de Galicia. O Goberno Autonómico considera intocables as franxas de protección fixadas para o litoral do concello.

    Segundo confirmou o propio alcalde pobrés, Isaac Maceiras, despois da xuntanza mantida co Director Xeral de Urbanismo, Ramón Lueje, e na que tamén participaron o edil de obras, Xosé Manuel Castro, e parte do equipo redactor do PXOM, entre eles o seu director Xosé González Cebrián, a decisión da Xunta parece firme. Na reunión o responsable do organismo autonómico aclaroulle á delegación pobresa que as modificacións suxeridas para o novo planeamneto do municipio responden a criterios que establce basicamente a norma actual e advertiulles que no futuro, a lei galega, será aínda máis restritiva nas zonas costeiras.pobra_200_210606.jpg

    O rexedor pobrés sinalou que deste xeito o deslinde quedará fixado en 500 metros en Cabío e a Corna, mentres que no Xobre e na Laxe será de 200. No caso da Ribeiriña e o Conchido, a franxa de protección establecerase en 20 metros, pero Urbanismo só considera núcleo consolidado as vivendas próximas ó litoral, onde establece un ámbito de expansión de 200.

    Isaac Maceiras sinalou aceptar a decisión, aínda que non comparte moitos dos aspectos da normativa, ó considera-los fortemente restrictivos.

    Unha das peticións que si lle foi aceptada foi a da delimitación dos núcleos rurais establecida no Plan Xeral remitido polo concello pobres. No seu informe o organismo autonómico mostrou o seu total desacordo coa extensión dalgunha destas zonas, pero accedeu a non impor restriccións.

    O Director Xeral de Urbanismo, Ramón Lueje, ve tamén innecesario habilitar bolsas de terreo urbanizable non delimitado, áreas que o executivo pobrés, reservara xa no novo planeamento. Segundo el a previsión que fai o concello en canto ó crecemento poboacional non se sostén, xa que o número de habitantes do municipio está situado ó redor dos dez mil durante os últimos 20 anos e a intención do goberno local era habilitar chan urbanizable para quince mil veciños máis.

    Maceiras Rivas sinalou tamén que os técnicos traballarán durante as próximas semanas na rectificación do PXOM coa finalidade de poder remitirllo de novo a Urbanismo no prazo dun mes, esperando que o novo planemaneto poida entrar en vigora finais de verán.

    Redacción Barbanza