![]()
PONTECESURES > O BNG de Pontecesures impugnará as comisións e a Xunta de Goberno ‘porque están integradas por tránsfugas’, …
… en referencia ós edís non adscritos Luís Ángel Sabariz e Alfonso Diz. Un argumento que usaron os nacionalistas para votar en contra da maioría dos puntos debatidos no pleno de organización celebrado onte.
Moitos veciños asistiron ó pleno de organización en Pontecesures. O maior debate centrouse nas dedicacións exclusivas. A alcaldesa, a independente Maribel Castro cobrará 32.200 euros brutos ó ano, é dicir, 2.300 euros ó mes en 14 pagas, mentres que o popular Rafael Randulfe percibirá 23.800 euros anuais, en 14 pagas mensuais de 1.700 euros. Os nacionalistas lembraron que hai un ano e cinco meses tanto Sabariz como Randulfe retiráranlle as dedicacións ó entón alcalde Luís Álvarez Angueira e á primeira tenente de alcalde Maribel Castro. Por iso critican que agora estean dispostos a apoiar as liberacións do novo equipo de goberno.
O BNG quixo deixar claro que estaba de acordo coa retribución da alcaldesa pero non coa de Randulfe. De feito, con anterioridade os nacionalistas votaron en contra de que o popular siga ocupándose da Tesourería, en vez de cubrir a vacante que deixa como funcionario con outro administrativo. O tripartito defendeu esta solución como positiva para o Concello. O único punto no que o BNG votou a favor foi o da periodicidade dos plenos, que serán bimensuais.
Redacción Salnés







