O concello boirés destina 49 mil euros á subvención de entidades deportivas

    BOIRO > O concello de Boiro vén de facer públicas as bases da convocatoria de subvencións deportivas para este ano 2006 coa que pretenden apoiar ás entidades sen ánimo de lucro na realización de actividades deportivas e de tempo libre nas súas programacións, así como tamén ó deporte federado. A cantidade destinada polo executivo boirés para este ano ascende a uns 49 mil euros, o que supón un incremento do 17% con respecto á convocatoria do ano anterior.

    Un total de 25 entidades deportivas do concello de Boiro, entre clubs e asociacións, poderanse beneficiar este ano da convocatoria de axudas formulada dende o concello. Existen dúas modalidades para poder acceder a estas subvencións, por unha banda para o fomento das actividades deportivas e pola outra para os clubs deportivos federados do municipio. A contía das subvencións en cada caso irán determinadas en función de distintos criterios, tales como o esforzo organizativo, o interese xeral o número de beneficiarios directos, o historial da entidade o número de equipos do club ou mesmo o número de licenzas federativas. A cantidade total que o concello destinará a este fin ascende a uns 49 mil euros.

    Para poder optar ás axudas as entidades solicitantes deberán cumprir unha serie de requisitos como informou a propia edil de Deportes, Dores Torrado.

    Pola súa banda o alcalde, Xosé Deira, felicitou ó departamento de Deportes pola realización desta nova convocatoria de subvencións que virá a repartir equitativamente as subvencións ás distintas entidades deportivas do municipio.

    As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do concello e o prazo de presentación de solicitudes comezou o pasado 1 de xullo e rematará o día 31 deste mesmo mes.

    A comisión avaliadora despois de analizar tódalas propostas deberá resolver estas convocatorias e face-la súa entrega sobre o 15 de setembro.

    Redacción Barbanza