![]()
BARBANZA > O patrón maior de Rianxo, Baltasar Rodríguez Alcalde, calificou de nefasta a xuntanza mantida coa Conselleira de Pesca, Carmen Gallego en Santiago, xa que segundo el non se acadou ningún acordo satisfactorio para os intereses dos mariscadores.
A Consellería de Pesca ten previsto sufraga-los custes dos labores de limpeza dos areais que resultaron danados polas riadas, así como axudar ós mariscadores afectados a mante-lo seu nivel de ingresos, comparando a facturación ó peche deste exercicio coa campaña do pasado ano, compensando as posibles diferenzas. Así llelo comunicou a propia titular de Pesca ós patróns maiores de Rianxo, Pobra do Caramiñal, Pontevedra, Raxó e Lourizán, durante a xuntanza.
A Conselleira de Pesca informou de que o seu departamento está realizando un seguimento exhaustivo e unha valoración da situación que pode provoca-la acumulación de lodos nos areais afectados, unha avaliación que será rigorosa e que dará a coñece-lo estado das poboacións de bivalvos, xa que a Dirección Xeral de Recursos Mariños posúe numerosas mostraxes dende o pasado mes de agosto dos bancos marisqueiros galegos. Unha circunstancia que permitirá obter unha avaliación fidedigna do estado das poboacións dos moluscos bivalvos. Así, nun prazo estimado de dez días, Pesca terá os datos exactos de cales poden se-las consecuencias das riadas nos bancos marisqueiros.
Rianxo en contra
As reaccións non se fixeron esperar. Para o patrón maior de Rianxo os dez millóns de euros que ofrece a Xunta de Galicia para palia-los efectos dos temporais en toda a comunidade parécenlle escasos, e son insuficientes para afrontar mesmo os danos causados en algún concello como é o caso de Cee ou Baiona.
Por esta razón o patrón maior rianxeiro sinala que dende a Federación de Confrarías non se van aceptar estas propostas, ó consideralas ridículas e unha esmola. Por esta razón non descartan acudir ós tribunais para loitar por unha mellora nas axudas. Baltasar Rodríguez vai máis aló ó comparar esta orde de axudas coa realizada xa o pasado mes de xaneiro polos temporais de inverno, que moitas confrarías coma a de Rianxo aínda teñen pendente de cobrar.
A Pobra a favor
Pola contra, o patrón maior da Confraría da Pobra, Manuel Maneiro, valorou moi positivamente a xuntanza mantida con representantes de Pesca posto que se acordou atender as principais reivindicacións do sector. Así mesmo, considera que a xestión da Xunta ante as ríadas foi a correcta posto que atenderon a tódalas demandas efectuadas dende a confraría, o que contribuiu a minimizar uns danos practicamente inevitables debido á forza das chuvias e o estado en que se atopan os montes trala vaga de lumes.
Manuel Maneiro considera que non se pode culpar á administración autonómica dos efectos provocados polas escorrentías nos bancos marisqueiros. Ó seu entender, a Consellería de Pesca puxo a disposición das confrarías afectadas tódolos recursos dispoñibles para minimiza-los danos da baixada do lodo ata as praias. Deste xeito, Maneuro lembra que nos areais pobreses, os mariscadores puxéronse a traballar nas tarefas de limpeza en canto chegaron os primeiros restos, mentres que noutras zonas, que acusan á Xunta de mala xestión, agardaron ‘de brazos curzados’ á espera de que chegaran axudas.
O patrón maior pobrés cualificou de positiva a xuntanza mantida coa Conselleira de Pesca posto que se acordaron dúas medidas que xa forna posta sobre a mesa polo departamento autonómico e os profesionais do sector. Por unha banda, a limpeza e rexeneración dos bancos marisqueiros e pola outra a dopción de medias compensatorias, aínda determinar.
Polo momento, haberá que agardar ás novas naálises para facer unha valoración máis aproximada dos danos provocados polas riadas. Sen embargo, na Confraría de Pobra xa se están a estudar medidas de precaución de cara ó futuro como é o dragado do cauce do río co obxectivo de darlle máis profundidade e evitar que os bancos marisqueiros resulten tan afectados.
Redacción Barbanza









