Ribeira contará con zonas azuis gratuítas para facilitar o estacionamento

    ruacanarias_100_101106.jpgRIBEIRA > O concello de Ribeira está a estuda-lo establecemento de zonas azuis gratuítas para facilita-lo aparcamento no casco urbano da cidade.

    Esta é unha das diversas medidas en relación co tráfico que pretende establecer o executivo ribeirés entre as que se inclúe a apertura da rúa Canarias para favorece-la fluidez do tráfico entre a rúa Miguel Rodríguez Bautista e a Avenida do Malecón.

    O obxectivo da implantación de zonas azuis é facilitar o aparcamento en zonas do centro urbano onde se concentra un importante número de comercios de xeito que os veciños poidan estaciona-los seus vehículos para efectuar as súas compras nun prazo máximo dunha hora. Estas zonas estarán reguladas por unhas tarxetas que emitirá o propio concello e será a Policía Local a encargada de vixilar que se respecte o límite horario.

    Co obxectivo de mellora-la circulación rodada na cidade, o concello está a levarva cabo outras iniciativas como a continuación das obras na Rúa General Franco ata o ruce coa rúa da Barreira que xa foi adxudicada á empresa Seixo pero non darán comezo ata despois do Nadal para non prexudicar ó comercio ou a apertura da Rúa Canarias, que conectará a rúa Miguel Rodríguez Bautista coa Avenida do Malecón. Precisamente para a vindeira semana está previsto que dean comezo as obras de asfaltado nesta avenida acometidas por Portos de Galicia. Nesta zona plantéxase a habilitación de dous viais de saída.

    A aplicación das novas tecnoloxías está a ser outro das medidas do concello para ofrecer un mellor servizo ós cidadáns. Na actualidade, a Policía Local está conectada coa base de datos de Tráfico e da Policía Nacional polo que poden coñecer as características dos vehículos que cometan algunha infracción.

    Por último, Francisco Sieira, solicitou a comprensión dos veciños ante as numerosas obras que se están a desenvolver no casco urbano de Ribeira posto que redundarán nunha mellora da calidade de vida a través da humanización dos espazos públicos.

    Redacción Barbanza