Dieste confía en inaugurar o novo centro de remo en 2019

BOIRO> O alcalde de Boiro agarda poder inaugurar o novo centro de Remo de Cabo de Cruz antes do remate da lexislatura. A obra conta cun investimento dun millón de euros para dotar ó club local dunhas instalacións acordes ó prestixio do equipo. A pesar dos retrasos na tramitación do proxecto, o futuro centro de remo de Cabo de Cruz vai tomando forma. As instalacións poderán ser unha realidade ó longo do próximo ano grazas á aposta do goberno boirense por este proxecto. A construción das novas instalacións virá sumarse ós importantes investimentos realizados no porto de Cabo de Cruz durante os últimos anos. Destaca a dotación dos pantaláns para mariscadores con setecentos mil euros e a inminente construción dos pantaláns para bateeiros que ascenderán ós oito millóns. Unha clara aposta do concello por Cabo de Cruz e polo sector do mar, piar clave na economía da localidade e de todo o municipio.