Daniel Iglesias proclámase campión da regata Gadis, condicionada polo forte vento

RIBEIRA> Daniel Iglesias proclamouse gañador da Regata Gadis celebrada esta fin de semana en Ribeira. A proba estivo condicionada polo forte vento que obrigou a retrasar a saída das segunda xornada.

Tralas catro mangan disputadas na xornada do sábado, o domingo tan só puideron celebrarse tres por mor do forte vento do nordés que chegou a acadar rachas por riba dos  30 nós. con estas condicións meteorolóxicas foi preciso retrasar a saída da segunda xornada ata a tarde para garantir a seguridade dos participantes entre os que se atopaban numerosos nenos das escolas deportivas que se iniciaban na competición.

Finalmente foi o regatista do Náutico de Ribeira, Daniel Iglesias, quen se proclamou campión na xeral, empatado a puntos co seu compañeiro de equipo Enzo Ferrón. Completou o podio no terceiro posto a tamén ribeirense Antía Díaz. 

Na categoría sub-13 venceron tamén tres ribeirenses: Iván González, Pedro Carreira e Alejandro González, ós que se suma a primeira clasificada na proba feminina, a tamén ribeirense Emma Franco.

Roque Mayoral, do Náutico de Vigo, proclamouse galador dos Sub 11 por diante de Xián Somoza de Ribeira e Carlos Traveso, tamén de Vigo. A súa compañeira de equipo, Martina Casanova, acadou o trunfa na categoría feminina, seguida de Vera García e Triana García, as dúas de Ribeira.

Tódolos gañadores recibiron os seus trofeos no acto de entrega que tivo lugar pasadas as seis e media da tarde na sede do náutico ribeirense, da man do seu presidente, José Luís Torres Colomer e representantes do concello.