O PP pide á cidadanía que reclame a ampliación do Hospital do Salnés

    VILAGARCÍA > O PP fai un chamamento á cidadanía para que saia á rúa a reivindicar a ampliación do Hospital do Salnés. Este venres compareceron ante os medios en Vilagarcía responsables parlamentarios e alcaldes da comarca para recordar que despois dun ano seguen sen ter información algunha deste proxecto.

    Este ano xa tería que estar construíndose a ampliación do Hospital do Salnés, segundo os prazos recollidos no Plan Funcional redactado polo persoal do centro co PP na Xunta. Co bipartito este proxecto quedou apartado e segundo advirten os populares tampouco ofrecen previsións para este centro sanitario. O PP pregúntase onde van as promesas electorais de BNG e PSOE, sobre todo do socialista Modesto Pose.

    Para o PP este último foi un ano perdido, xa que mentres a demanda asistencial segue medrando non sucede o mesmo coa dotación presupostaria da Consellería. Isto, segundo os populares estase a traducir nun colapso en tódolos servizos. Ó seu parecer, a situación teríase mellorado coa aplicación do Plan Funcional.

    Levan un ano esperando polo estudo das necesidades do Hospital do Salnés que anunciou a conselleira de Sanidade. Piden á Xunta que polo menos avance algunha previsión e advirten que seguirán coas súas reivindicacións. Polo de pronto piden o apoio da cidadanía.

    Redacción Salnés