RIBEIRA> A lonxa de Aguiño acollerá mañá venres a presentación dun libro sobre a historia dos primeiros anos de vida da confraría desta parroquia. A publicación, da que xa se editaron 700 exemplares, recolle a importancia da entidade no crecemento social e económico da parroquia.
‘O pósito de Pescadores de Carreira-Aguiño. Aproximación histórica ó litoral de Arousa Norte’. Baixo este epígrafe agóchase un exhaustivo labor de investigación sobre os primeiros anos de vida desta entidade dende a súa fundación en 1924, constituíndose como principal motor económico e social da parroquia.
O seu autor, Daniel Bravo Cores, en colaboración co coordinador da publicación Ciprián Rivas e o fotógrafo Antonio Parada repasan nas páxinas deste libro os fitos máis destacados da confraría ata o ano 1944 no marco dunha investigación pioneira sobre unha organización mariñeira que naceu como pósito e converteuse posteriormente en confraría, o pode servir como base para futuros estudos.
Nesta primeira tirada publicáronse uns 700 exemplares do libro que será presentado mañá a partir das cinco nun acto aberto a toda a veciñanza ó que asistirá tamén a Conselleira do Mar. A confraría agarda a edición do novos exemplares grazas a unha achega da Consellería de Cultura co fin de que toda a parroquia teña acceso ó xerme da súa historia.











