Laguerzza incorpora as máscaras de protección ó seu taller de confección

RIBEIRA> A mellor maneira de saír adiante nestes tempos de crise é reinventarse. Así o fixo a tenda de decoración Laguerzza de Ribeira. Ós seus traballos habituais sumaron a confección de máscaras homologadas que se están a comercializar en farmacias e empresas.

A crise provocada polo coronavirus obrigou a Pura e Olga, propietarias de Laguerzza, a botar o peche da súa tenda de decoración en Ribeira. Sen embargo, dado que dispoñen de taller propio, viron a oportunidade de aportar o seu gran de area confeccionando máscaras que doaron ó concello de Ribeira. A acollida foi tan boa que estas dúas emprendedoras aventuráronse a comercializar as máscaras con material sanitario homologado que xa se distribuíron en empresas e farmacias da zona.

Dispoñen de varios modelos, todos reutilizables xa que se poden lavar e con características específicas segundo os usos ós que están destinadas.

Mentres tanto, afanadas aínda na elaboración de material de protección, continúan traballando nas encargas que tiñan pendentes e xa atenden no local con cita previa.

Polo momento, as vendas son aínda moi tímidas pero dende Laguerzza agardan que pouco a pouco se vaian estabilizando. Non estaría nada mal redecorar os nosos fogares, nos que tanto tempo estamos pasando, cando logremos superar esta pandemia.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí