Boiro promove unha campaña de envío de axuda humanitaria a Venezuela

BOIRO> Boiro é un pobo solidario. Demostrouno en innumerables ocasións…e agora volve a selo co pobo venezolano, cando máis o precisa, debido á magnitude da traxedia que asolou ó país deixando un gran número de vítimas mortais, feridos e innumerables estragos materias, do que tenta recuperarse…

Nada máis ter coñecemento do sucedido un grupo de residentes venezolanos decidiu poñerse man á obra e activar unha recollida de axuda humanitaria para enviar ó país.

En poucos días, coa axuda de Cáritas, levan recollido unha gran cantidade de roupa, alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene e medicamentos que agora pretenden facer chegar o máis axiña posible ó país caribeño.

Tamén poñen o máximo interese en que todo o recadado chegue realmente a quen máis o precisa, poñendo a máxima seguridade na súa distribución.

Apelan á colaboración cidadá para que, na medida das súas posibilidades, sigan realizando aportacións  polo menos, ata que a situación humanitaria o requira.