Multitudinaria visita dos Reis de España a Ribeira

    reis_100_170706_1.jpgRIBEIRA > O acontecemento máis destacado da fin de semana foi, sen dúbida, a visita dos Reis de España a Ribeira, con motivo da celebración do centenario da cidade. Miles de veciños agolpáronse nas rúas da localidade, a pesar da intensa calor, para coñecer de preto a Don Juan Carlos e Dona Sofía.

    Pasadas as once da mañá do sábado producíase a chegada dos reis de España a Ribeira a bordo dun helicóptero pilotado polo propio don Juan Carlos que non dubidou en toma-los mandos da nave dende Ferrol. Tras sobrevolar o parque natural de Corrubedo, os reis aterraron na explanada da Fieiteira e dirixíronse á Praza do Centenario, onde comezou a visita oficial. Alí foron recibidos polo alcalde ribeirés, Xosé Luís Torres Colomer, quen entregou o bastón de mando do concello ó monarca. Tras descubrir unha placa inaugural da praza en lembranza da efeméride do centenario, a comitiva real dirixiuse ata o concello. Acompañaban ós reis, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a ministra de Pesca e Agricultura, Elena Espinosa, o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras e diversas autoridades provinciais, comarcais e locais.reis_200_170706.jpg

    Á súa chegada á Casa Consistorial, os monarcas asistiron a unha recepción privada na que o alcalde fixo entrega de sendos agasallos ós rexedores. Para el unha dorna de madeira que levaba por nome Sofía, elaborada polo carpinteiro aguiñense, Domingo Ayaso, e para ela unha boneca vestida co traxe rexional feita pola presidenta da Asociación de Amas de Casa, Magdalena Bringas.

    Tras asinar no libro de honra felicitando ó concello polo seu centenario, os reis saudaron dende o balcón á multitude que saíu á rúa para recibilos. Tampouco se esqueceron dos máis pequenos e, un a un, os monarcas foron saudando ós integrantes da Policía Infantil de Ribeira felicitándoos pola súa labor.

    A continuación, a comitiva real emprendeu o camiño ata a avenida do Malecón, para asistir á Primeira Mostra do Mar. Durante o percorrido polas rúas ribeiresas, foron constantes as mostras de cariño dos veciños e visitantes que ó grito de ‘Vivan os Reis’ fixeron chegar ós monarcas o cariño e a cercanía do pobo ribeirés.xentereis_200_170706.jpg

    Os reis finalizaron o seu percorrido por Ribeira cunha visita á Mostra do Mar onde puideron coñecer diversas iniciativas empresarias e produtos do máis variado relacionados co sector mariño. Así mesmo, amosaron o seu interese pola calidade do peixe da zona aínda que o axustado da súa axenda impediulle quedarse a degustar os produtos da nosa ría.

    Os monarcas visitaron os máis de trinta estands e expositores situados baixo a carpa da Primeira Mostra do Mar, na que se podían atopar produtos do máis variado, dende gastronomía mariña ata efectos navais e deportivos. Os reis coñeceron tamén as diversas especies que se capturan no porto ribeirés e interesáronse pola súa gran calidade, a pesar de que non soen acadar prezos elevados.

    Os reis abandonaron a Mostra do Mar arredor das dez e cuarto da mañá, onde os agardaban miles de persoas para brindarlles unha multitudinaria despedida. Dende alí desprazáronse ata o recheo portuario dende onde despegaron en helicóptero cara Ourense, seguinte destino na súa axenda oficial.

    Redacción Barbanza