O Director Xeral de Caixa Galicia recibirá a medalla de ouro da FEB

    mendez_100_170706.jpgBARBANZA > A Federación de Empresarios do Barbanza decidiu outorgar este ano ó Director Xeral de Caixa Galicia, Xosé Luís Méndez, a  medalla de ouro da entidade. O distintivo, o cuarto que concede a patronal comarcal, seralle entregado ó Director Xeral de Caixa Galicia o vindeiro 1 de setembro, data na que se celebrará unha nova edición dos Premios Dolmen de Ouro e que esta no terá lugar en Mazaricos.

    Despois de que en edicións anteriores a Federación de Empresarios do Barbanza lle entregara a medalla de ouro da entidade a destacados empresarios da comarca: Ramiro Carregal, Xosé Manuel Cortizo ou Xesús Alonso, este ano a súa decisión cambiou e o premio recaerá no Director Xeral de Caixa Galicia, Xosé Luís Méndez. A xunta directiva da patronal comarcal aprobou concederlle esta distinción polo importante labor social, industrial e financieiro que leva a cabo á fronte da entidade bancaria.

    Precisamente o presidente da FEB, Pablo Martelo, acompañado do presidente da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, Isaac Maceiras, mantiveron recentemente un breve encontro con el, para trasladarlle a decisión da patronal barbanzá. Xosé Luís Méndez aceptou a proposta cunha gran ledicia e comprometeuse a asistir á gala de entrega dos Premios Dolmen de Ouro que este ano se celebrará o primeiro de setembro no concello de Mazaricos.dolmen_200_1876.jpg

    Entre os méritos barallados pola Federación de Empresarios do Barbanza para distinguir ó premiado deste ano destacan o feito de que se trata dunha persoa relevante no sector económico e cultural de Galicia. Ademais tamén se valorou a disposición da entidade que preside cos empresarios da zona, colaborando desinteresadamente en actos e actividades que organizan os empresarios.

    Xosé Luís Méndez dirixe Caixa Galicia dende o ano 1.981 e tamén ocupa importantes cargos en sociedades e empresas punteiras da nosa comunidade como é o caso de ENCE ou Unión Fenosa. Ademais ocupa a dirección do Club de Economía Iñás e foi nomeado fillo predilecto da Coruña.

    Redacción Barbanza