O executivo boirés mantense aberto á negociación coa Policía Local

    BOIRO > Despois de que os policías locais de Boiro manifestasen sentirse perseguidos e menosprezados polo executivo boirés, o edil de urbanismo do concello, Xoán León, saíu á palestra para tratar de aclarar esta situación. Insiste en que desde o concello manteñen unha actitude aberta á negociación e que xa fixeron algunha ofertas importantes que foron rexeitadas polo colectivo sen explicación aparente.

    poli_200_210706.jpgDe incomprensible cualificou Xoán León a situación na que se atopa a Policía Local de Boiro. Despois de que se negasen a traballar durante as pasadas festas de verán, o edil boirés desvela agora que non comprende a actitude deste colectivo. 740 euros foi a cifra que o concello lle propuxo ós axentes por seis días de traballo durante as festas, unha cifra que rexeitaron sen que o executivo coñeza a explicación. Agora, en plena negociación do convenio, Xoán León chama á reflexión.

    Outra das queixas manifestadas polo colectivo é a reiterada falta de recoñecemento por parte dos diferentes gobernos locais das peculiaridades do seu traballo, como a perigosidade ou a nocturnidade. Situacións que segundo Xoán León están a ser contempladas como parte deste convenio.

    A plantilla da Policía Local de Boiro leva preto dun ano baixo mínimos, con sete axentes en activo e unha media de dez de baixa. O edil boirés nega que desde o concello se estea a presionar ós axentes para que soliciten a alta e afirma non cuestionar as baixas médicas, pero considera que esta situación se está volvendo insostible.

    Xoán León afirma estar aberto a buscar unha solución proveitosa para todos, porque segundo el, os veciños de Boiro non se merecen esta situación. Polo momento, esas vacantes están a ser cubertas por auxiliares, membros do servizo de Protección Civil e efectivos da Garda Civil.

    Redacción Barbanza