A casa natal de Castelao en Rianxo será declarada de interese cultural

    casacastelao_100_260706.jpgRIANXO > Comezan os trámites para declarar Ben de Interese Cultural a casa natal de Castelao en Rianxo. Entre outras cousas, esta medida de protección obrigará ós propietarios a establecer un réxime de visitas ós inmoble dun mínimo de catro días ó mes.

    A casa de Castelao, situada na Rúa de Abaixo de Rianxo, será declarada en breve Ben de Interese Cultural tal e como o anunciou a conselleira de Cultura e Deporte Ánxela Bugallo. O que se pretende con esta medida é evitar calquera tipo de agresión ó inmoble e permitir unha mellor conservación da vivenda do escritor.

    A responsable de Cultura, Ánxela Bugallo, explicou que dende a Consellería están a preparar tódolos trámites para consegui-la declaración. Neste senso, comentou que os servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xa recibiron toda a documentación necesaria para comeza-lo proceso. Deste xeito en setembro está previsto que comece a fase de incoación, logo a de instrución e finalmente a fase de declaración, trámites que deberán concluirse nun prazo máximo de vinte meses.  casacastelao_200_260706.jpg

    Este é máximo nivel de protección dun ben cultural que permite a lexislación galega e como consecuencia desta declaración os propietarios da vivenda estarán obrigados a pedir permiso á Dirección Xeral de Patrimonio para realizar calquera tipo de obra no inmoble e a establecer un réxime de visitas dun mínimo de catro días ó mes, aínda que tamén poderán acceder a beneficios fiscais e a axudas públicas.

    Pola súa banda, o alcalde de Rianxo, mostrou a súa satisfacción polo inicio dos trámites e aproveitou para reclamar á conselleira que esta declaración se amplíe ás casas de Rafael Dieste e Manuel Antonio, ubicadas na mesma rúa que a de Castelao. Ademais para as autoridades locais este pode ser o paso previo para a conseguir expropiar a vivenda xa que ata o momento resultou imposible chegar a un acordo cos actuais propietarios.

    Redacción Barbanza