Ribeira acolle esta fin de semana a segunda edición do Festival Elektrodo

    119

    elektrodo_100_260706.jpgRIBEIRA > Os afeccionados á música techno e os ritmos alternativos teñen unha cita a vindeira fin de semana en Ribeira, onde se vai celebrar o festival Elektrodo 2006. Este macroevento, que acada este ano a súa segunda edición, reunirá no parque periurbano de San Roque a destacados músicos do panorama nacional e internacional, dos que se poderá desfrutar de xeito totalmente gratuíto.

    Dende ás oito da tarde do venres ata o mediodía do domingo a música non deixará de soar no parque de San Roque, onde centos de mozos de toda Galicia daranse cita para participar neste ‘festival distinto’ tal e como cualifican o Elektrodo os seus organizadores. O programa deste ano inclúe estilos musicais variados dende a música techno e electrónica ata o hip-hop, pasando polo house ou o minimal.

    Pero non todo será música posto que o Elektrodo inclúe tamén espectáculos de rúa a cargo de grupos de malabares así como a exposición e venda de produtos de artesanía así como do propio merchandising do festival que este ano inclúe chapas, camisetas e un cd con algúns dos temas que soarán nas carpas durante os tres días de festa.elektrodo_200_260706.jpg

    A historia deste festival é breve pero intensa. Naceu o pasado ano grazas á iniciativa da Asociación ‘Freak Planeta’ impulsado polos ribeireses Cecilio Núñez e David Quintela e coa colaboración do concello de Ribeira así como de varias empresas e marcas comerciais que aportaron o seu gran de area. A aposta parecía en principio demasiado arriscada posto que nunca se dera en Ribeira un macroencontro destas característica. Superando tódalas expectativas, o Elektrodo foi un éxito de público e crítica, garatindo así a súa continuidade en vindeiros anos.

    Nesta segunda edición, a organización agarda superar o número de asistentes do pasado ano que rondou as dúas mil persoas. Todos aqueles interesados en consulta-lo cartel, os horarios e demais información poden facelo na páxina web www.elektrodo.tk. Os asistentes poderán acceder de forma totalmente libre a tódalas actuacións do recinto que se desenvolverán en dúas carpas e na terraza do Bar San Roque que tamén acollerá diversas actuación. Aqueles que se queden a pasa-lo fin de semana poderan acampar no interior do parque de xeito gratuíto.

    Redacción Barbanza

    COMPARTIR