A Consellería de Vivenda subsanará as deficiencias no polígono de Espiñeira

    BOIRO > A Consellería de Vivenda e Solo vén de comunicar que ten previsto subsanar as deficiencias da primeira fase do polígono industrial de Boiro aproveitando o comezo dos traballos de urbanización da segunda fase. Con esta dobre actuación o departamento autonómico pretende corrixi-los problemas detectados na primeira fase causando o menor impacto posible na actividade ordinaria do parque.

    A Consellería que dirixe a nacionalista Tareixa Táboas indicou que aproveitará as obras de urbanización da segunda fase do polígono para corrixi-las deficiencias que arrastra a primeira fase dende que remataron as obras no ano 2001. Os problemas detectados no parque empresarial teñen que ver coa deficiente saída de augas pluviais, insuficiente bombeo de augas residuais polo mal estado do aliviadoiro e fallos no abastecemento de electricidade, deficiencias que existen case dende a instalación das primeiras empresas hai cinco anos e que agora a firma adxudicataria ‘Xestur’ parece que vai subsanar.

    poligonoespieira_200_040906.jpgDende o departamento autonómico apuntan a que estas obras teñen como obxectivo dotar á primeira fase do parque empresarial das infraestructuras que necesita un polígono industrial do século vinteún, uns traballos que se realizarán en paralelo coa execución da segunda fase para evitar a duplicidade de obras que repercutan de xeito negativo na actividade ordinaria do parque e das empresas alí ubicadas. Do que non se sabe nada polo momento é de cando comezarán esas actuacións xa que o proxecto de urbanización da segunda fase se está a actualizar debido a que o proxecto inicial datado do ano 96 quedou obsoleto.

    Unha vez rematadas as obras da segunda fase, que ocuparán unha superficie duns 80 mil metros cadrados, e subsanadas as deficiencias da primeira, o parque empresarial de Boiro terá máis de 360 mil metros cadrados de extensión, espazo destinado non só a uso industrial e comercial senón tamén a equipamentos sociais, de ocio e zonas verdes.

    Redacción Barbanza