Lage Tuñas insta a Vivenda a axilizar o proxecto das vivendas sociais de Xarás

    vivendassociaisxaras_100_130807.jpgRIBEIRA > O deputado socialista, Xosé Manuel Lage, vén de interesarse no Parlamento polo estado en que se atopan as vivendas sociais de Xarás.

    A pesar de que xa foi iniciado durante a anterior lexislatura autonómica, o proxecto das vivendas sociais de Xarás en Ribeira, segue inconcluso. A obra leva máis dun ano paralizada, despois de que o actual goberno da Xunta decidira rescindirlle o contrato á empresa adxudicataria, Seixo, polo incumprimento dos prazos. Agora, é necesario convocar novamente un concurso público para a finalización do proxecto.

    A intención do deputado socialista, Xosé Manuel Lage Tuñas, é coñecer a actual situación do expediente administrativo, para o que solicita a comparecencia dos responsables de Vivenda no Parlamento.

    Mala xestión

    Os socialistas esixen que se resolva a demora, derivada da mala xestión, nun prazo razoable polo que solicitan explicacións sobre as previsións e os prazos que manexa a Consellería para a entrega destas vivendas.

    Lage Tuñas lembra, no seu escrito, que a promoción de vivenda protexida constitúe un dos principais compromisos do goberno bipartito polo que debe darselle a máxima celeridade a este proxecto.

    Considera ademais que a construción destas 21 vivendas debe ser unicamente o inicio dunha serie de actuacións encamiñadas a dar resposta a unha das necesidades sociais máis acuciantes como son as dificultades de acceso a unha vivenda digna.

    Esta non é a primeira vez que o parlamentario se interesa por este proxecto xa que, hai nove maese, tamén solicitou a comparecencia do director xeral de Vivenda, Daniel Pino, en relación ó proxecto.

    Redacción Barbanza