Preto dos dez millóns de euros en saneamento

    BOIRO> Esta é a cifra que leva investido o executivo boirense e a Xunta de Galicia nos últimos seis anos na mellora da deficiente rede de saneamento local. O alcalde de Boiro, Xoán Xosé Dieste, mostrou a súa satisfacción polo anuncio da Xunta de acometer un novo investimento en materia de saneamento no municipio. Neste caso a partida, duns dous millóns de euros, irá destinada á renovación do colector do río Breiro, e á construción dun tanque de retencións e unha nova rede de colectores de augas pluviais. A actuación súmase as numerosas obras realizadas nos últimos anos, cun investimento próximo ós dez millóns de euros, de cara a renovar a obsoleta rede xeral. Segundo o alcalde aínda quedan actuacións pendentes que agarda poidan ir realizándose na medida do posible nos vindeiros anos. Unha das máis ambiciosas é a terceira fase do saneamento do río Coroño. Ademais do investimento destinado a este fin por parte da Administración Autonómica, hai que destacar tamén as actuacións realizadas nos últimos anos con cargo a fondos propios para á mellora da rede xeral, non só no casco urbano, senón tamén na práctica totalidade das parroquias con actuación en Escarabote, Abanqueiro e Cures, entre outras.