PORTO DO SON> O executivo sonense continúa dando pasos de mellora do seu bordo litoral, potenciando a enorme beleza paisaxística que posúe o municipio.
Nesta liña figura a nova actuación deseñada polo Concello que busca a construción dunha senda peonil duns 300 metros de lonxitude polo beiril que une o miradoiro do Fonforrón coa praia da Arnela.
A obra, cun orzamento de máis de 200 mil euros, será financiada con fondos europeos xestionados a través da Asociación de Desenvolvemento Rural Ría de Muros-Noia.
Segundo explicou o alcalde, con esta actuación o Concello busca unha dobre finalidade, por unha banda mellorar a seguridade viaria na zona, e por outra, aumentar o número de sendas peonís das que dispón o municipio ó longo de toda a súa costa.
Dende o Concello informaron de que a obra xa foi adxudicada, confiando en que os traballos poidan comezar en breve para que estea rematada antes de finais de ano.











