O número de corredores para a Sin-Son 10k xa supera os mil cincocentos atletas

PORTO DO SON> Á falla de apenas unha semana para o peche das inscricións da oitava edición da carreira Sin Son 10K xa hai máis de 1.500 participantes anotados. A intención da organización é achegarse ós dous mil corredores na categoría absoluta. As incricións estarán abertas ata o próximo martes 17 de decembro na web: www.emesports.es.

A carreira disputarase o domingo 22 de decembro. A saída da proba absoluta está prevista para as once da mañá e nela tomarán parte recoñecidos atletas galegos, entre os que se atopan Lolo Penas, as irmáns Brea, Iván Roade ou Alejandro Fernández. Tamén estará o mundialista Adrián Ben, corredor convidado nesta edición.

Como é habitual para tódolos participantes haberá servizo de autobuses que os trasladarán dende Porto do Son ata Portosín a partir das 8 da mañá. Contarase tamén con outros servizos como é o caso do gardaroupa e duchas na piscina municipal, no pavillón Santa Irene e no campo Emilio García. A carreira será ademais retransmitida en directo para o público presente na liña de meta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí