RIANXO> Dende a formación critícase a tardanza na convocatoria da comisión e do pleno no que se debatan as propostas a incluír na relación de obras do POS da Deputación da Coruña para o ano que vén. Lembran que o prazo para a presentación de solicitudes na institución provincial remata a vindeira semana, descoñecendo as intencións do executivo local.
O vindeiro venres 19 de decembro remata o prazo para que os concellos presenten a relación de obras a incluír no POS da Deputación da Coruña para o ano que vén. Dende Rianxo en Común descoñecen as intencións do executivo e da tardanza na convocatoria da comisión informativa previa e o pleno no que deberán aprobarse as actuacións previstas con cargo a estes fondos provinciais, ós que a Rianxo lle corresponden ó redor duns 485 mil euros. Ante a falla de iniciativa por parte do goberno municipal, a formación nacionalista decidiu presentar as súas propias propostas, que serán dúas. A primeira delas referida á necesidade de levar a cabo a mellora integral, incluíndo a súa ampliación, da pista de Outeiro, que une este núcleo cos de Vilar, Campelo, Cerqueiras e A Varela, na parroquia do Araño. Dende Rianxo en Común fan alusión ó lamentable estado que presenta este vial, cheo de fochancas que dificultan o tránsito por el. A outra das súas solicitudes garda tamén relación cunha vella demanda desta formación: a eliminación das barreiras arquitectónicas existentes en varias vías públicas do Concello, non só do casco urbano, senón tamén das parroquias. Segundo eles téñense identificado máis dun centenar de puntos en todo o municipio no que se incumpre a Lei Galega de Accesibilidade. Algo que dende a formación agardan se poida reverter.