A POBRA> As xornadas ‘Muller e Ciencia’ chegan á Pobra o próximo 11 de febreiro. Tres profesionais de diversos ámbitos compoñen o cartel desta edición que abordarán temas como o ecoloxismo ou a saúde mental, sempre dende unha perspectiva de xénero.
Coincidindo co Día Internacional da Muller e da Nena, o concello da Pobra celebrará a oitava edición das xornadas Muller e Ciencia. Tres expertas nos campos das matemáitcas, a enxeñaría agrónoma e a medicina participarán neste encontro que busca poñer en valor o traballo científico e de investigación desenvolvido por mulleres.
As charlas desenvolveranse no auditorio do Museo Valle-Inclán a partir das cinco da tarde. A primeira correrá a cargo da doutora en Medicina, Lola Ferreiro, que abordará a saúde mental das mulleres.
A matemática e investigadora Rocío Vega expoñerá ferramentas dixitais que nos axudan a mellorar a eficiencia enerxética mentres que a agrónoma Begoña de Bernardo disertará sobre o ecofeminismo.
Durante as xornadas habilitarase un espazo de conciliación para nenos de entre 3 e 12 anos. Aínda que é un servizo gratuíto haberá que inscribirse previamente nas dependencias de Servizos Sociais e Igualdade.