CALDAS> O PSdeG carga contra o borrador dos orzamentos da Xunta de 2020 para a comarca de Caldas. O secretario xeral dos socialistas galegos reuniuse hoxe cos alcaldes de Cuntis e Caldas para analiza-lo reparto de fondos do executivo de Feijóo. Din que as contas esquecen, de novo, a mellora da sanidade pública, a recuperación ambiental do Umia e da concentración parcelaria, ferramenta clave -din- para o asentamento de poboación no rural.
Os socialistas recoñecen non estar sorprendidos co borrador dos orzamentos da Xunta para o ano que vén. Din que, de novo, o executivo galego esquécese das necesidades da comarca de Caldas.
Entre as principais eivas, a mellora da sanidade pública na comarca e unha actuación urxente no Umia. Para o alcalde de Caldas, esta reivindicación é extensiva ó conxunto dos ríos galegos.
O alcalde de Cuntis lamenta que a súa localizadade nin apareza no borrador autonómico. Manuel Campos asegura que para impulso do sector industrial na vila a Xunta nin está nin se lle espera.
Tanto o alcalde de Cuntis como o de Caldas coinciden na necesidade de remata-la concentración parcelaria en ambos municipios. Din que é fundamental para o asentamento de poboación no rural.
Os rexedores trasladáronlle estas cuestións ó secretario xeral dos socialistas galegos. Gonzalo Caballero acusa a Feijóo de “non cumprir coa cidadanía”.
Tódalas reivindicacións dos socialistas na comarca serán trasladadas agora ó grupo do PSdeG no Parlamento Galego para presenta-las correspondentes emendas.