Óscar Piñeiro e María Santos, gañadores absolutos da Carreira do Corgo

    RIBEIRA> A proba, incluída na Arousa-Revolutrion Trail Series 2015, contou coa participación de preto dos trescentos atletas. Ó redor duns trescentos atletas chegados dende diferentes puntos da comarca do Barbanza e de fóra dela tomaron parte este pasado domingo na Carreira do Corgo, a terceira e última das citas que compoñen a Arousa-Revolutrion Trail Series 2015, organizada pola asociación Arousa Natureza e Ocio, en colaboración con outras entidades, entre as que se atopa o propio concello ribeirense. Sen dúbida un dos aspectos máis relevantes da carreira foi o seu trazado, de gran dureza, fundamentalmente a subida ós montes Facho e Tahume, nas que se viviron imaxes de gran espectacularidade, o transcorrer boa parte do percorrido por espazos dunha indubidable beleza paisaxística. En categoría masculina o vencedor da proba foi Óscar Piñeiro, seguido de Lois Rodríguez e Manuel Ces, mentres que en categoría feminina a vencedora foi María Santos. Por detrás dela entraron María Mareque e Silvia Calvo. A carreira do Corgo serviu ademais para dilucidar ó gañador do circuito Arousa-Revolutrion Trail Series, composto de tres probas nas que se incluían tamén a carreira de San Alberte e a de Couso. O padronés Lois Rodríguez foi o que se fixo con este título, con dous primeiros postos, San Alberte e Couso, e un segundo, a carreira do Corgo. Dende a organización destacaron a alta participación na proba, así como tamén o nivel competitivo dos corredores.