![]()
BOIRO > A Asociación Boirense de Empresarios vén de presentar a primeira ‘Boiroferta’. Trátase dunha feira de oportunidades, organizada en colaboración co concello, que se celebrará a próxima fin de semana e que ten como fin dar saída a productos en stock a prezos de saldo.
O pavillón municipal da Cachada será o escenario no que se celebre a primeira ‘Boiroferta’, unha feira na que preto de 25 establecementos da zona terán a oportunidade de poñer á venda productos acumulados a prezos moi rebaixados. Aínda que esta non é a única finalidade da ‘Boiroferta’ senón que a iniciativa pretende tamén dinamizar a actividade comercial da zona e actuar como reclamo turístico.
A feira comezará o venres 11 de agosto ás catro da tarde e a inauguración oficial será ás sete. O sábado e o domingo permanecerá aberta de once da mañá a once da noite en horario ininterrompido. A entrada será gratuita polo que dende a Asociación Boirense de Empresarios esperan contar cunha gran afluencia de público. Ademais os primeiros 600 visitantes recibirán un agasallo.
Para a organización do evento a ABE contou co apoio da maioría dos pequenos comerciantes da localidade e tamén do concello, a quen agradeceron a súa colaboración. Pola súa banda, o alcalde boirés, comentou que dende o goberno local están dispostos a apoiar todas aquelas iniciativas que poidan dinamizar o pequeno comercio de Boiro, xa que este é un sector importante para crear riqueza e postos de traballo.
Redacción Barbanza











