PONTEVEDRA> As autoescolas pontevedresas rexeitan a proposta de convenio estatal feito dende a patronal do sector. O documento recolle unha suba salarial dun 1,2% no 2022 para os formadores viais pero pon sobre a mesa un aumento da xornada laboral de 35 a 40 horas. Dende o sindicato CUT denuncian que a proposta suporía perda de dereitos para os traballadores e insisten en reclamar un convenio provincial para axustarse á realidade do sector en Pontevedra.
A proposta da patronal das autoescolas para o convenio estatal non gusta en Pontevedra. O sindicato CUT, maioritario na provincia, denuncia que suporía unha perda de dereitos e lexitimizar a precariedade.
A conciliación, as enfermidades laborais ou a maternidade, reclamacións dos traballadores, non se tocan no convenio que, pola contra, si que recolle un incremento da xornada laboral semanal: pasaría das 35 horas actuais ás 40.
Tampouco gusta que se estea a falar de limitar a capacidade negociadora só a un convenio estatal. Por iso insisten en reclamar un convenio provincial para Pontevedra, que se axuste ás particularidades da zona.
A CUT explica que, a pesares de ser o sindicato maioritario na provincia de Pontevedra non ten representación nesta mesa estatal, na que si sentan Comisións Obreiras, UXT e USO, coa CIG como convidada.