O representante de España no campionato do mundo de catas a cegas decidirase en Cambados

CAMBADOS> Os 200 mellores sumilleres de España daranse cita en Cambados. A vila acolle esta vindeira fin de semana o sexto Campionato de España de Cata a Cegas por Equipos. De aquí sairá o representante de España para o campionato do mundo que se vai celebrar en Francia en outubro. A proposta, que se vai celebrar no Salón Peña, inclúe tamén un túnel do viño aberto a todo o mundo.

O sexto Campionato de España de Cata a Cegas por Equipos celebrarase en Cambados esta vindeira fin de semana.

Outra das claves da relevancia deste campionato é o seu alcance internacional. De aquí sairá o representante de España para o Campionato do Mundo que se vai celebrar en Francia en outubro.

No concurso, os participantes terán que catar e adiviñar 8 viños.

O campionato contará tamén cunha pequena representación galega, aínda que a maioría proveñen de Cataluña e Madrid.

O campionato será aberto. Calquera persoa poderá achegarse ao Salón Peña para observar como se desenvolven as probas. Alí tamén haberá un túnel do viño coa colaboración de distintas adegas.

Haberá tamén outras actividades paralelas, pensadas neste caso para os sumilleres que participan no concurso.

Co apoio da Mancomunidade, que está a colaborar co concello na organización, os participantes poderán gozar tamén dun paseo en catamarán pola ría de Arousa, o que permitirá tamén promocionar o destino turístico entre os catadores.