Nova xornada de incendios en Rianxo

    RIANXO > A pesar de que semellaba que non quedaba xa nada por arder, Rianxo pasou outra noite envolto en lapas. Esta vez, a zona máis afectada foi a parroquia de Asados onde varios focos permaneceron activos dende ata ben entrada a madrugada. A proximidade dos lumes obrigou a desaloxar a varios veciños e a vía rápida permaneceu cortada durante varias horas.

    Afortunadamente, o lume non chegou a afectar gravemente a ningunha vivenda aínda que, segundo informaban os veciños, algunha casa sofreu danos superficiais no exterior. Debido á cercanía do lume, varios veciños tiveron que ser evacuados das súas vivendas. A pesar de que o concello habilitou as instalacións do polideportivo municipal para acoller ós desaloxados, a maioría optou por pasa-la noite nas casas de amigos e familiares e soamente unha persoa pernoctou no pavillón. 

    A noite fíxose moi longa en Asados, onde os veciños colaboraron cos efectivos contraincendios para evitar que o lume chegase ata as casas. Os focos principais mantivéronse activos dende as oito da tarde e non puideron ser controlados ata a primeira hora da mañá extendéndose dende o núcleo de Burés ata Vilar. De feito, ata o mediodía permaneceu activo un lume na zona de Isorna que non conseguiu ser sufocado ata o mediodía.

    A magnitude do incendio rexistrado en Rianxo tivo incidencias tamén no tráfico posto que o avance das lapas obrigou a cortar varias estradas á circulación, entre elas a vía rápida do Barbanza, que permaneceu pechada nun tramo durante varias horas.

    O aspecto que presentaban os montes do municipio rianxeiro era totalmente desolador. Practicamente a totalidade da superficie forestal deste concello foi arrasada polo lume. Os veciños só agardan en que os novos incendios que se poidan producir nos próximos días non cheguen ata as vivendas posto que nos montes xa non hai nada que facer.

    Redacción Barbanza