Touriño estima que arderon 70 mil hectáreas

    GALICIA > O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, vén de estimar nunhas 70.000 as hectáreas afectadas polos incendios forestais que arrasaron Galicia e polos que foron atendidas, segundo os seus datos, unhas 1.000 casas en situación de risco durante a vaga de lumes.

    En declaracións a RNE , Pérez Touriño emprazou á medición ‘exacta’ que en breve ofrecerá a Consellería de Medio Rural para saber a cifra exacta do número de hectáreas queimadas, aínda que considerou que a vaga de lumes causou grandes danos sobre territorio e medioambiente.

    O presidente da Xunta destacou a ‘intencionalidade’ de moitos lumes polos que se detivo a 30 persoas que, en boa parte, eran ‘conscientes’ e ‘plenamente responsables’ de que, con ‘vontade de danar’, queimaron o monte, puntualizou.

    Preguntado por unha suposta relación entre os presuntos autores dos lumes, Pérez Touriño considerou que non é ‘prudente’ nin ten sentido establecer hipóteses ‘porque non hai base científica nin base previa’. Tras expresar o seu agradecemento ás miles de persoas que traballaron na extinción dos lumes con ‘determinación, coraxe e ganas de saír adiante’, o titular do Goberno galego asegurou que se revisará a fondo o operativo contra incendios e o sistema xeral de protección ante as chamas para melloralos. Neste contexto agregou que se buscará en sé parlamentaria unha fórmula para analizar exhaustivamente o que ocorreu estes días en Galicia e extraer un diagnóstico ‘acertado’ en política forestal e contra incendios.

    ’Aínda non temos unha resposta en Galicia ós grandes enigmas de fondo de por que estamos nesta situación’, dixo Pérez Touriño, quen se comprometeu a abordar desde o Goberno os temas relativos á política forestal, ordenación territorial e o relativo ao aparello de prevención, vixilancia e extinción. Así, detallou que no Consello da Xunta extraordinario do próximo 24 de agosto farase unha avaliación dos danos cos concellos e que no da semana seguinte, o 31 do mesmo mes, poñerase en marcha un paquete de medidas para proceder á reordenación da actividade, das masas arbóreas e das augas.

     Ademais, opinou que a comunidade galega ten un ‘serio problema’ de dispersión da poboación, a maior de toda España, polo que dixo que hai que ‘poñer freo’ á desorde territorial e urbanístico. Na súa opinión, en toda Galicia traballouse estes días ‘con ánimo e con afán constructivo de sacar unha situación especialmente grave adiante’.

    Redacción Salnés