Dúas concelleiras independetes de Ribadumia abandonan o goberno local ao integrarse Castro no PP

REACCIONS PP INDEPENDENTES RIBADUMIA> O regreso de David Castro ao PP non convence a todo o mundo. Pilar Martínez e Mar Moimenta, dúas das compañeiras máis próximas ao alcalde dentro de Independentes por Ribadumia, quedan no camiño. As concelleiras renunciarán este xoves aos seus cargos no goberno local. Iso si, manteñen as súas actas como edís e continuarán dentro do grupo independente ata que remate o mandato.

Ambas eran concelleiras liberadas do executivo de Castro e dous pesos destacados dentro do equipo. Pilar Martínez ostentaba as responsabilidades de Economía, Facenda, Transparencia ou Turismo, entre outros. Mar Moimenta, pola súa banda, estaba á fronte de Obras, Servizos e Urbanismo.

Os motivos están claros: non comparten esa integración da candidatura independente no Partido Popular. Dende Somos Ribadumia pídenlle a Martínez e Moimenta que abandonen Independentes xa e pasen ao grupo de non adscritas. Nun comunicado, a formación apunta que se non o fan están a apoia-la campaña de David Castro no PP.

Noutro comunicado, desta mesma mañá, as dúas concelleiras explican que renuncian para ser coherentes co proxecto ó que se uniron no ano 2003, da man de Nené Barral. Din que entenden que o paso de David Castro ó PP rompe cos obxectivos de Independentes de representar ós veciños  fóra de siglas partidistas e con intereses políticos fóra do municipio.

Apuntan que saen do equipo de goberno, pero non marchan de Independentes nin do concello porque van mante-lo seu compromiso cos veciños que as votaron, ata que remate o mandato.

Rematan o seu escrito pedindo perdón aos votantes e simpatizantes de Independentes que agora mesmo, din, poidan sentirse defraudados e decepcionados.

Ademais, nas últimas horas facíase público o nacemento de ‘Xuntos por Ribadumia’. Estaría integrado por críticos, desta volta dentro do PP, que non compartirían que Castro pasase a se-lo seu candidato.

Nas redes sociais apuntan que van tentar crear unha ‘candidatura alternativa’. Atendendo á denominación, trataríase dun proxecto que segue os pasos do exlíder do PP en Barro, Jose Antonio Landín, agora candidato de Xuntos por Barro naquela localidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí