A Ruta do Viño Rías Baixas celebra o Día Mundial do Enoturismo coa décima edición da súa Cata Amateur

O SALNÉS> A Ruta do Viño Rías Baixas conmemora o Día Mundial do Enoturismo coa décima edición da súa Cata Amateur. A cita vaise celebrar este domingo, pero xa non quedan prazas. En apenas unhas horas o evento esgotou o cento de entradas dispoñibles. A cata porá a proba os sentidos dos asistentes a través da degustación da degustación de distintos viños de Rías Baixas. Haberá tamén petiscos a base de conservas e música en directo.

A Ruta do Viño Rías Baixas conmemora o Día Mundial do Enoturismo apostando de novo pola súa Cata Amateur. Trátase xa da décima edición dunha iniciativa ineludible para os amantes do viño que porá a proba os sentidos dos participantes.

E o éxito desta cita é incontestable. As cen prazas que se ofreceron voaron en apenas unhas horas.

Na primeira parte da actividade ofrecerase unha degustación de cinco viños de Rías Baixas, co sumiller Nacho Costoya aportando as claves de cada un deles. Logo farase unha degustación a cegas de tres deses viños. Aquí os concursantes porán a proba as súas dotes, tentando acertar as diferenzas.

Unha parte moi importante desta actividade é o papel do sumiller, que nun tempo récord ten a misión de ensinar a un cento de persoas o xeito óptimo de catar os viños de Rías Baixas.

Ademais, A Ruta do Viño Rías Baixas premiará a aqueles concursantes que saian vitoriosos desta proba. Cada gañador recibirá unha cesta de produtos de ANFACO-CECOPESCA e un pack enoturístico, cun aloxamento para dúas persoas e unha vistia a unha das adegas da ruta. Ademais, para todos os asistentes ofrecerase unha degustación de viños e conservas, ao tempo que gozan de música en directo e da oportunidade de visitar libremente o Castelo de Soutomaior.