Medio Ambiente asegura que aínda non hai contaminación

    GALICIA > Medio Ambiente asegura que non hai contaminación tralas primeiras chuvias. O conselleiro Manuel Vázquez afirmou que aínda é pronto, pero que os primeiros datos certifican que os ríos e o mar non se viron afectados. Así o indicou á vez que anunciou un paquete de medidas para paliar os posibles danos ocasionados polos incendios.

    medioambiente_300_170806.jpgO conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, asegurou que as primeiras chuvias producidas en Galicia tralos incendios non provocaron arrastres significativos de cinzas e outros elementos ós leitos dos ríos e ó mar. Explicou que a pesar de ser pronto, os primeiros datos certifican que non houbo problemas de contaminación. Vázquez anunciou as medidas do seu departamento para paliar os posibles danos medio ambientais provocados polo lume.

    Céntranse nas análises das augas, na recuperación dos solos, na regulación da tempada de caza, e no estudo de tódolos espazos naturais afectados. Segundo o conselleiro, nestes últimos tan só se viron afectadas catro hectáreas, que corresponden ó parque natural de Corrubedo, e adiantou que esta semana se desprazarán técnicos da estación de Lourizán para avaliar os danos. Vázquez sinalou que non se suspenderá a tempada de caza, anque non se poderá cazar nos espazos afectados.

    No que respecta á recuperación de solos, explicou que Medio Ambiente traballa en estreita relación con Medio Rural para que as reforestacións sexan efectivas. Recoñece como un auténtico desastre que arderan 77 mil hectáreas pero pensa que a rexeneración é posible. Vázquez anunciou, ademais, que Medio Ambiente habilitou un espazo na páxina web da Consellería para ofrecer información transparente e con toda crueza sobre os danos medio ambientais que puideran causar os incendios.

    Redacción Salnés