Os alcaldes do PP critican a xestión da Xunta ante a vaga de incendios

    alcaldespp_100_180806.jpgBARBANZA > Os alcaldes do PP da comarca do Barbanza compareceron en rolda de prensa para facer unha valoración da situación xerada trala vaga de lumes que asolou os montes galegos. Os populares criticaron a xestión da crise por parte da Xunta de Galicia, que puxo de manifesto a existencia dunha ‘total descoordinación’ no dispositivo contraincendios. Aínda así, pretenden face runha crítica construtiva e ofreceron a súa colaboración ó goberno autonómico para traballar en conxunto e evitar situacións similares nun futuro.

    Unha vez recuperda a normalidade, o balance tra-los incendios no Barbanza non podía ser máis desolador. A primeira estimación realizada polos populares fala de máis de catorce mil hectáreas queimadas en toda a comarca, o que supón unha perda de superficie forestal moi grave. Os alcaldes de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, da Pobra, Isaac Maceiras, de Noia, Antonio Pérez Insua, da Serra de Outes, Carlos López Crespo, de Lousame, Santiago Freire, e o deputado barbanzán, Manuel Ruíz participaron nunha xuntanza de traballo para facer unha valoración inicial. As primeiras conclusións apuntan a unha ‘total improvisación’ nas tarefas de extinción dos lumes, provocadas pola falla dun mando único que coordinase os traballos de tódolos efectivos. Así mesmo, os populares atribúen a falla de medios materiais e humanos á rapidez e intensidade con que se propagou o lume. Neste sentido, tódolos alcaldes coincidiron en sinalar a importante labor dos propios veciños que saíron ó monte e enfrontáronse ás lapas cos seus propios medios.

    As críticas dos populares á xestión do goberno nesta crise teñen unha intención construtiva de cara a corrixir os erros que, ó seu entender, se cometeron nesta ocasión. Os alcaldes barbanzáns consideran necesario un cambio da política forestal así como acometer varias actuacións de xeito urxente, entre elas, o reconto oficial das hectáreas queimadas en cada concello.alcaldespp_200_180806.jpg

    Dende o PP consideran ademais necesario establecer urxentemente unha liña de axudas para os afectados con maior incidencia nalgúns sectores coma o gandeiro que está a sufrir especialmente as devastadoras consecuencias do lume.

    Lonxe de crear cripsación, os populares ofrecen á súa colaboración á Xunta para traballar en conxunto nas políticas de prevención e extinción aínda que lembran a falla de interese amosada polos responsables autonómicos que, nin sequera, se molestaron en facer unha chamada telefónica para interesarse pola situación dos concellos barbanzáns. Neste sentido, Torres Colomer, criticou a ‘falla de respecto institucional’ coa que, ó seu parecer, está a actuar o goberno da Xunta que non informou ó concello da visita realizada polo Conselleiro de Industria ó municipio ribeirés.

    Redacción Barbanza