Dodro irradia cultura coa entrega do premio Eusebio Lorenzo Baleirón

DODRO> A escritora Inma López Silva, recollía onte o premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, organizado polo Concello, e que chega este ano a súa 34 edición.

A autora recibía das mans do alcalde, Xabier Castro, o galardón, da que foi merecedora coa súa obra ‘Clepsidras’, a mellor valorada polo xurado das 31 presentadas ó certame.

O premio está dotado con 2.500 euros e a publicación da obra.

Aproveitouse o acto para entregar tamén o Mini Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, un concurso literario creado polo Concello, para promover a creación literaria e o uso da lingua galega e a expresión artística entre o alumnado da ESO. Un galardón que  recaeu en María Rodríguez Romero, autora da videocreación ‘O mundo dos soños’.

Entre outras autoridades, o acto contou tamén coa presenza do edil de Cultura e Patrimonio, Xoán Xosé Vicente, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.

Ademais dun pequeno recital lírico, o acto incluíu tamén a actuación musical do dúo Aldaolado.