O concello da Pobra informa ós veciños sobre as subvencións dos incendios

    POBRA > O salón de plenos da casa consistorial da Pobra do Caramiñal foi o lugar escollido para celebrar unha xuntanza de tódolos veciños deste municipio afectados pola vaga de incendios de hai varias semanas, así como representantes das Comunidades de Montes e Asociacións de Gandeiros. Ó encontro, convocado polo propio executivo pobrés, asistiu tamén ó avogado contratado polo concello, que informou ós presentes sobre as liñas de axuda postas en marcha polo Goberno Central e a Xunta de Galicia.

    Máis de medio centenar de persoas participaron na xuntanza promovida dende o concello pobrés para analiza-las subvencións promovidas pola Xunta de Galicia e o Goberno Central para repara-los danos causados a consecuencia dos incendios rexistrados neste municipio durante a primeira quincena de agosto. Á mesma, ademais de particulares, asistiron representantes das Comunidades de Montes e Asociacións de Gandeiros, que buscaban información directa sobre as liñas de axudas ás que poden acceder.

    Na reunión tamén estivo presente o avogado contratado polo concello para asesorar ós veciños afectados polos lumes.Maceiras Rivas fixo alusión ás importantes perdas existentes neste concello a consecuencia dos incendios, poñendo como exemplo a situación na que quedou a Comunidde de Montes do Barbanza con máis de 600 hectáreas d emonte queimadas.

    Neste concello o executivo local decidíu crear tamén unha Oficina de Atención ós Damnificados na que se levan cursado ata o de agora máis de 75 solicitudes.Este servizo, que está a prestar atención a todas aquelas persoas que perderon os seus bens a causa do lume informandoas e asesorándoas sobre as axudas e subvencións que poden solicitar, tando da Administración Autonómica como da Central, está operativo tódolos días de nove a dúas da tarde, e os mércores tamén pola tarde de seis a nove.

    O alcalde, Isaac Maceiras, confía en que tódalas reclamacións que realicen os veciños que resultaron afectados polos incendios sexan atendidas, xa que algún dos cales mesmo veu prexudicada a súa vivenda.

    Redacción Barbanza