O PP solicitará a zona catastrófica para un tercio dos concellos da provincia

    PONTEVEDRA > Máis dun tercio dos concellos de Pontevedra solicitarán ser declarados zona catastrófica. Así o anunciou o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda que compareceu ante a prensa co presidente provincial do PP e con varios alcaldes, entre eles o de Meis e Valga, dous dos concellos máis afectados polos incendios. Segundo os populares, dos 62 concellos pontevedreses, 23 teñen máis do 50% de superficie forestal afectada polo lume.

    Os concellos afectados polos incendios pedirán, a través de mocións nos plenos municipais, a solicitude de zona catastrófica. Entre estes concellos estarán os de Pontevedra, Poio, Barro, Meis, Meaño e Valga. Así o anunciaron esta mañá responsables do PPdeG entre os que estaba o secretario xeral, quen criticou a actitude da Xunta e do Goberno Central en todo este asunto.

    Recordou tamén que no incendio de Guadalaxara se aprobaron as axudas antes dunha semana. Xunto cos dirixentes populares había varios alcaldes de concellos afectados que anunciaron que pedirán acollerse ós beneficios previstos na normativa estatal para estas situacións ademais das axudas económicas que lle teñen solicitado á Xunta para palia-los danos sufridos nas propiedades e os gastos motivados polas labores de extinción.

    Tamén insisten os populares na necesidade de investir en obras e medidas que eviten que se repita o sucedido. Para iso piden que se cree unha dotación permanente de Protección Civil para facer tarefas de limpeza, se instalen bocas de rego e mangueiras, se constrúan tanques de auga, se dote dun vehículo motobomba a cada concello e se reforce a plantilla de policía no verán. E, sobre todo, que se poña en marcha un plan de loita serio.

    Tamén piden que se aposte polos concellos rurais fixando poboación mediante a potenciación industrial, construcción de vivendas, dotación de equipamentos comunitarios ou promoción turística. Precisamente neste ámbito a Deputación de Pontevedra xa anunciou medidas de apoio.

    Redacción Salnés