BOIRO> Aínda coa resaca das festas de Boiro que concluían este mércores, o alcalde fixo un balance moi positivo das celebracións. Ademais do éxito de público e o grao de satisfaccións dos veciños e visitantes, Xosé Ramón Romero destacou o bo funcionamento dos dispositivos de seguridade posto que apenas houbo incidencias durante seis días de celebracións.
O concello de Boiro pechaba este mércores as súas festas de verán, as mellores da historia segundo palabras do alcalde. O éxito destas celebracións reside non só no arduo traballo de organización de tódolos departamentos municipais e forzas de seguridade senón tamén no civismo e colaboración da cidadanía.
Tras este positivo balance, o alcalde quixo tamén condenar certas actitudes que tentaron empañar os festexos creando alarma social e difundindo bulos que nada tiñan que ver coa realidade.
Xosé Ramón Romero indicou que en tódalas actividades programadas se cumpriron estritamente os protocolos de seguridade e mesmo se adoptaron medidas adicionais, como o apuntalado do aparcadoiro para a verbena do último día na que coincidiron tres orquestras.
Tódolos dispositivos tanto de tráfico como de seguridade foron froito dunha longa planificación e nada tiveron que ver coa improvisación denunciada por certos sectores coa única intención de facer fracasar as festas por intereses partidistas.











