O BNG de Ribeira denuncia o atraso na construción da nova biblioteca

RIBEIRA> O BNG de Ribeira denuncia o atraso na construción da nova biblioteca. O voceiro desta formación política, Xosé Antón Vázquez Cobas, critica a parálise na que, segundo el, está sumido o equipo de goberno.

Foi no ano 2019, cando a corporación municipal aprobaba por unanimidade en pleno a proposta presentada polos nacionalistas para a construción dunha nova biblioteca. Un ano despois os orzamentos municipais incluían unha partida de 453 mil euros para ese fin, dos que a metade serían para a adquisición do antigo inmoble Gran Sol e a outra parte para a súa adecuación. Segundo os nacionalistas a pesar de haber unha contía económica para ela, nada sabe do proxecto.

Para o BNG a biblioteca debe ser unha prioridade, ó consideralo un servizo público imprescindible e as actuais instalacións non reúnen as condicións mínimas que se lle piden a un espazo destas características.

Dende as filas nacionalistas acusan ó alcalde de parálise. Segundo os membros desta formación esta non é a primeira vez que denuncian os atrasos inxustificados en obras importantes para a veciñanza do municipio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí