Durán acusa á Xunta dunha mala xestión durante os incendios de agosto

    VILANOVA > A Consellería de Presidencia está a informar ós concellos que concederá axudas do 75 por cento para dotar ós concellos de medios axeitados para loitar contra as emerxencias. Un anuncio que algúns alcaldes, como o de Vilanova, ven como unha demostración de que a Xunta fixo as cousas mal durante a crise dos incendios e que agora trata de corrixir tarde, mal e arrastro.

    O rexedor vilanovés tamén puxo o grito no ceo despois de coñecer como serán as axudas da Xunta e sobre a posibilidade de que cobre pola extinción dos lumes en montes privados e comunais. Gonzalo Durán fixo comparación co Prestige e esixiu o mesmo trato para propietarios de monte que se lle deu entón ás xentes do mar.

    Na oficina de Vilanova habilitada para recoller datos dos danos polos incendios, o alcalde sinalou que de momento houbo 40 reclamacións de particulares por valor de 10 hectáreas. Pero afirma que hai máis e advirte que hai xente que non acode á oficina por temor a que a Xunta lles cobre os gastos de extinción.

    O alcalde foi máis alá e amosouse disposto a chegar ós tribunais, se a Xunta intenta cobrar por labores de extinción que non realizou neste concello.

    Redacción Salnés