O PP arrisca pouco no Salnés e mantén listas de continuidade para as municipais

    SALNÉS> Hoxe rematou o prazo para que os partidos que van concorrer ós vindeiros comicios municipais do 24 de maio presentasen as súas listas e houbo algunhas que se resistiron. É o caso da do Partiro Popular de Vilagarcía. Esta mañá a formación daba a coñecer unha candidatura continuista con Tomás Fole á fronte. Rocío Llovo será a número dous, Elena Suárez a tres e Jesús Longa irá cuarto. Cholo Dorgambide deixa as siglas de Ivil para incorporarse ó número seis da lista de Fole. Nos dez primeiros postos só atopamos dúas caras novas: Sagrariao Castro, xerente edo Intecmar, de sétima, e Mónica Miguéns, presidenta do club de remo Náutico Preguntoiro. Dos actuais edís que non repetirán: José Manuel Pardal, Manuel Tarrío e Gely Rodríguez. Mañá farán a presentación oficial da lista na sede do partido durante un almorzo informativo. A liña de continuidade que define a lista do PP de Vilagarcía mantense nas candidaturas populares doutros municipios do Salnés. En Ribadumia Salomé Peña recunca como aspirante a renovar a alcaldía con Rafael Louzán de número dous e os actuais concelleiros de Cultura e Obras, Susana Fandiño e Antonio Roma de tres e catro. Entre as novas incorporacións, Luis Serantes, secretario de organización do PP provincial, de quinto. Escasas sorpresas tamén en Vilanova, onde Gonzalo Durán toma como man dereita a Javier Tourís. O rescatado edil entra no posto número dous da candidatura mentres que Benito Portas, o que ocupara esta praza nas anteriores municipais, queda relegado ó 12. De número tres irá Nuria Morgade. Si hai máis movementos no Grove. Miguel Ángel Pérez renova caras nos postos de saída ó incorporar a concelleiros de anteriores mandatos. De número dous levará a Rafael Prol e de tres a Marta Domínguez. Completan os primeiros postos Alejandra Lamas, Fernando Meis, María del Pilar Lijó, Luis Iglesias e Pablo Mourelos.