BNG, PSOE e Ciudadanos piden a reprobación da edil de Servizos Sociais de Ribeira

RIBEIRA> Os grupos municipais do BNG, PSOE e Ciudadanos solicitan a reprobación da concelleira de Servizos Sociais de Ribeira. Entenden que as manifestacións realizadas en relación con temas de igualdade e mobilidade reducida amosan total falla de sensibilidade para ocupar o seu cargo. Se en marzo unhas declaracións efectuadas por Esther Patiño en relación ó feminismo prenderon a chama, agora as súas manifestacións nunha rede social sobre accesibilidade non fixeron máis que avivar o lume. Esta é a razón pola que BNG, PSoe e Ciudadanos rexistraron unha iniciativa conxunta solicitando ó pleno a reprobación da edil. Entenden que de non dimitir, o alcalde debería cesala nas súas funcións ó entender que carece da sensibilidade necesaria para estar á fronte da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade. Lonxe de cesala, o alcalde de Ribeira defende o labor da concelleira. Entende que xa pediu desculpas polas súas desafortunadas declaracións e pon como aval da súa xestión os avances en materia de accesibilidade que experimentou o municipio nos últimos anos.