O luns 2 de outubro arrancan as escolas deportivas municipais de Porto do Son

PORTO DO SON> A concellería de Deportes de Porto do Son oferta este ano ó redor dunha ducia de actividades deportivas dirixidas tanto a nenos coma adultos.

Inclúense como en anos anteriores as actividades de predeporte, acrobacias, baile moderno ou ximnasia de mantemento para maiores, sen esquecer tampouco outras de enorme tirón nos últimos anos como é o caso do pilates, a zumba ou o cross e total training.

O inicio das actividades será o luns 2 de outubro. Coma novidade este ano é que o Concello ampliará esta oferta deportiva tamén ás parroquias.

Para dar a coñecer todas estas actividades, o Concello está a desenvolver estes días xornadas de portas abertas, ás que convidan a asistir.

O 2 de outubro o Concello porá en marcha tamén un ano máis a ludoteca municipal. O seu horario será de catro e media a sete e media da tarde e estarán dirixidas a nenos dende o tres ós 12 anos.

Para máis información os interesados poden dirixirse ó propio departamento de Deportes ou á Ludoteca. As inscricións poden realizarse por sede electrónica ou no rexistro municipal.