NOIA> O BNG de Noia volve reclamar que se cubra a praza de traballador social no servizo de atención a drogodependencias. Lembran que xa levaran a pleno esta demanda, aprobada por maioría, sen que ata o momento se teñan incrementado nin o persoal nin os recursos deste servizo.
A moción presentada polos nacionalistas foi aprobada en febreiro cando o servizo de prevención e asistencia ás drogodependencias levaba xa trece meses sen traballadora social. Hoxe, superados xa os dous anos sen o cadro de persoal ó completo, dende o BNG volven instar ó goberno a cumprir coa lei e dotar dos profesionais esixidos a este servizo.
Denuncian ademais os nacionalistas que a unidade non conta cun servizo de atención telefónica centralizado, situación que se veu agravada durante o confinamento cando moitos usuarios tiveron dificultades para recibir asistencia ó non poder contactar co servizo.
Segundo o BNG, o goberno contestou á súa demanda por escrito responsabilizando á situación derivada da pandemia das dificultades para normalizar o servizo. Algo que os nacionalistas consideran unha escusa xa que que entenden que, agora máis ca nunca, é necesario prestar asistencia ós colectivos máis vulnerables.