Unhas dúas mil persoas participaron na andaina contra o cancro de Boiro

BOIRO> Boiro acollía onte domingo a segunda andaina solidaria contra o cancro de mama. A actividade, organizada por Cimadevila Salud, en colaboración con outras entidades, entre as que se atopaba tamén o propio Concello, congregou a preto dunhas dúas mil persoas. Dende primeiras horas da mañá a praza de Galicia converteuse nun fervedoiro de xente entre os que se atopaban representantes da propia corporación municipal, como é o caso do alcalde, Xoán Xosé Dieste, que non quixo perderse tampouco esta actividade solidaria. Foi unha gran marea rosa que percorreu posteriormente nunha ruta por diversos enclaves do municipio como o novo paseo do río Breiro, o entorno da praia de Barraña ou o estuario do río Coroño, entre outros, para voltar novamente ó punto de partida. Unha vez rematada a andaina tódolos participantes escenificaron na propia Praza un gran lazo rosa, símbolo da loita contra esta enfermidade. A ruta tiña un fin solidario xa que o diñeiro recadado a través das inscricións e aportacións de cada participante será doado á Asociación Española de Loita Contra o Cancro.